Outra Granada, outra Europa é posible

O Goberno de España presidirá o Consello Europeo durante o segundo semestre do 2023, buscando a súa foto final o 6 de outubro no «cume da Alhambra», con 44 xefes de Estado e de Goberno, incluíndo a Giorgia Meloni, Víctor Orbán e R. T. Erdoğan.
É unha nova oportunidade para que colectivos sociais e veciñais, xunto a sindicatos e partidos políticos, manifesten nun cume alternativo que outra Granada e outra Europa son posibles. Por iso, encheremos a cidade de actividades e mobilizacións para visibilizar outros modelos sociais fronte ao capitalismo.
Hai 15 anos sufrimos o colapso financeiro produto do refugallo e o saqueo neoliberais. Prometeron unha reforma do sistema, e acabaron impoñendo novas políticas austericidas baseadas na explotación das clases medias e traballadoras, das mulleres e as persoas migrantes.
A Gran Depresión provocou unha onda de mobilizacións sociais, dende a revolución das potas en Islandia ate a dos paraugas en Hong Kong, pasando pola primaveira árabe, o 15-M en España, a folga internacional feminista e multitude de revoltas en diferentes lugares da xeografía global.
A reacción non se fixo esperar e unha nova xeración de dirixentes de dereita e extrema dereita, con Donald Trump á cabeza, aproveitou a crise e o sufrimento da xente para propoñer un novo mundo fundado no odio e a exclusión clasista, patriarcal e racista.
Unha pandemia producida pola catástrofe ecolóxica baleirou as nosas rúas. E cando voltamos a elas, a crise climática fíxose máis evidente ca nunca. Agora prométennos unha reforma verde do capital.
Pero a sucesión de guerras perigosamente mundiais en Siria e Ucraína e tantos outros conflitos en diferentes rexións do planeta están a manifestar o carácter destrutivo e extractivista do capitalismo, mentres os prezos e as hipotecas afúndennos cada vez máis na precariedade.
Fronte a iso, queremos labrar Europa como unha terra de liberdade e xustiza, acolledora e aberta ao Sur Global e abandeirada antimilitarista do Non á Guerra. E Granada… Granada temos que facela veciña a veciña, praza a praza, barrio a barrio como unha cidade rebelde, solidaria e verde, que querémola verde.